Greta Pérez Cobas

Saber vivir

El ten o cabelo longo, ela teno curto. El cociña, ela dálle as grazas. A el gústalle o manga e a ela as plantas. Teñen unha habitación para cada un. As veces dormen xuntos, ás veces separados. As dúas están desordenadas, nunca fan a cama. Ao chegar a casa deixan os zapatos amoreados fóra prefiren camiñar descalzos. 


Os dous xogan xuntos na cociña, facendo os pasatempos do xornal. Son moi competitivos e tentan superarse en todo. A cociña está chea de libros de receitas de diferentes países que de cando en vez leo para practicar francés. No fondo hai un armario de cristal cheo de cubertos desparellados, e pratos con bonitos deseños, todos diferentes.

 
A hora de comer nunca poñen mantel, non lles dá medo manchar. Félix non usa cadeira, senta nunha gran pelota azul. Cando se vai a durmir acompáñano á súa habitación e lenlle un conto. Déixanlle a luz do corredor prendida porque lle ten medo a escuridade. Ten os rasgos dun personaxe de Hans Christian Andersen.
 

A súa habitación é xigante e está chea de xoguetes ciscallados polo chan. Aínda que é tímido, sempre me sorrí e sáudame cun "coucou". Félix naceu nunha comuna en Lausanne. Non foi buscado, daquela nin sequera tiñan una relación estable pero Kim recorda ese momento coma unha bendición.


As paredes do corredor están cheas de debuxos e carteis colocados sen seguir ningún tipo de patrón. A carón da miña habitación teñen una sala de manualidades, son moi xeitosos e creativos, tamén debuxan e pintan. 


Na mesa do salón hai un puzzle a medio facer e sementes xerminando preto da xanela. Todos os anos fan unha horta cos veciños. Tamén teñen tele, está nunha esquina do salón, tirada no chan, non a usan. No centro da sala, hai un equipo de música con moitos discos. Gústalles cantar e bailar.

 

Nos estantes, algúns libros repousan caídos. Entre eles, un vaso esquecido xa parece parte da decoración. Hai tamén moreas de xogos de mesa, máis de vinte, e, por suposto, unha petanca. En Suíza, a petanca é coma o fútbol en España. A primeira semana levaronme a xogar no medio da montaña e, contra todo pronóstico, gañei. Monod riu e dixo que só fora a sorte do principiante.

Zapateiro da familia Monod (Le Chaux de Fonds, 2022) 


O café é forte e tómano sen leite. Nunca hai pan. Hai queixo, de moitos tipos, e úsanoo en case todas as comidas. Gústalles a comida asiática e ensínanme a usar os pauciños. Tamén me aprenden francés e piden que lles aprenda inglés. Disfrutan practicando comigo.


Sempre deixan a porta aberta para que eu poida entrar. Confían nos seus veciños e en min. 


Fálanme sobre a fábrica de reloxos e a clase obreira, coinciden en que Le Chaux de Fonds non é como o resto das cidades suízas. Tampouco eles son como o resto das familias suízas. Eu asinto mentres admiro a súa singularidade. O que nun primeiro momento me causara certa desconfianza mudou nunha fonte de admiración e aprendizaxe.


A súa maneira de vivir, tan diferente e auténtica, tan chea de liberdade e xenerosidade, recordoume que existen outras formas de vivir a vida. Ensinoume a ter a valentía de non seguir o que se nos impón, senón a vivir con maiúsculas, sendo os directores da nosa propia historia, facendo o que realmente queremos, sempre guiados polo amor que une e dá sentido a todo.
 

©Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados.

Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones

Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.