Ilustracións: Lorena de Roo Rivadulla
Redacción: Julien Courcier Cortegoso
Corzo - Do 24 de decembro ao 20 de xaneiro
Tememos anunciar que unha serie de desafortunados eventos perseguirante ao longo deste mes. Podería ser que perdas un zapato ou que descubras que certo amigo que che debe cartos desapareceu sen deixar pegada ningunha. Coidado cos espellos: o reflexo podería non coincidir coa realidade.
Compatibilidades: Levaraste ben co Miñato, pero evita o Lobo; este último só quere facerte sopa.
Donicela - Do 21 de xaneiro ao 17 de febreiro
O Oráculo prevé que experimentarás un estraño episodio de déjà vu, probablemente relacionado cun antollo culinario pasaxeiro ou cun tren de Renfe a deshora. Tamén existe a posibilidade de que chegue unha carta inesperada. Non a abras; terás que pagar igual.
Compatibilidades: O Petapau comprenderá as túas dúbidas. A Vaca, en cambio, tratará de domarte sen éxito.
Serpe - Do 18 de febreiro ao 17 de marzo
A mala fortuna parece que se ceibou contigo: este mes perderás algo importante, como a dignidade nunha conversa comprometida. Ademais, algunha aplicación dixital decidirá rebelarse contra ti. O Oráculo advirte: non confíes na WiFi.
Compatibilidades: Procura no Raposo as respostas que buscas. Evita á Troita, este mes é unha enredante.
Raposo - Do 18 de marzo ao 14 de abril
Este mes serás vítima dunha confusión inxusta ou dunha sentencia acertada: é probable que che culpen dun crime que poderías ou non ter cometido. Ademais, case seguro que alguén intentará enganarte. Procura que o estafador sexa o estafado.
Compatibilidades: A Bolboreta será a túa causa de alegría. Ollo co Cabalo, vai facer que perdas o tempo.
Vaca - Do 15 de abril ao 12 de maio
O bambeo das papoulas non engana: vai ocorrer unha revolución inesperada. Poderías descubrir que o supermercado cambiou a distribución ou que o teu lugar favorito non existe. Ademais, terá lugar unha noxenta felonía: desconfía das persoas… ou dos coxíns que poderían esvarar cando non deberían.
Compatibilidades: Atoparás na Garza o equilibrio para a túa rixidez. A Donicela, pola contra, provocará en ti unha rabia inexplicable.
Píntega - Do 13 de maio ao 9 de xuño
Menuda montaña rusa de emocións a que che espera. Nin cinto de seguridade vai ter! Un evento insignificante tornará en drama shakespeariano e, aínda por riba, todo por culpa dun erro alleo. Por certo, coidado cos vasos de auga. O Oráculo prevé que algunha cousa acabará afogando neles.
Compatibilidades: Acha a inspiración que precisas na Troita, pero fuxe do Miñato, vai xulgarte sen piedade.
Petapau - Do 10 de xuño ao 7 de xullo
Deixa de meter cartos na lotería. Xa vai sendo hora de que aceptes que non tes sorte nin no xogo nin no amor. Bota curriculum porque vas precisar atopar traballo novo (e se non o tes, en fin, mellor abandona toda esperanza). O que si deberías facer é tomar o sol para producir máis vitamina D!
Compatibilidades: Achégate á Bolboreta para liberarte das penas e fuxe do Corzo antes de que che meta unha cornada.
Cabalo - Do 8 de xullo ao 4 de agosto
Procura durmir máis este mes a ver se así mellora esa cara de noxo perpetua. Non lle busques as cóxegas aos que tes por riba de ti nin aos que tes por baixo… Todo o mundo está até os mesmísimos de escoitarte. E non rosmes! Cousa máis fea.
Compatibilidades: A única que non che quere pegar é a Píntega. Cóidate da Vaca porque aproveitará calquera oportunidade para escornarte.
Troita - Do 5 de agosto ao 1 de setembro
Chegará o día no que deixes de ser un/nha maldito/a hippie “hai que fluír” e trangalladas varias. Por desgracia para todos, non sucederá este mes. Non te preocupes. Pagarás xusta pena pola inxustiza cometida e probablemente che morda un can ou pises unha merda en elevado estado de descomposición.
Compatibilidades: A Serpe será un bo apoio pero non contes con que te protexa do can. Evita as trampas da Donicela.
Garza - Do 2 ao 29 de setembro
A túa xa pouca resiliencia será posta a proba este mes. O Oráculo prevé que, malia os teus intentos de manter a dignidade, rematarás por caer de fuciños nun charco metafórico (no caso de vivir en Compostela, literal). Se che ofrecen un plan sospeitosamente divertido, fuxe, é con toda seguridade unha trampa.
Compatibilidades: Confía na Serpe, pero afástate do Raposo: aquilo que trama non che vai gustar.
Bolboreta - Do 30 de setembro ao 27 de outubro
Todo será susceptible de torcerse para ti. Unha reunión casual haberá de conducirte a unha revelación inesperada ou, o que é máis probable, a unha desgraza inevitable. Non agardes coherencia na túa vida social: hoxe idolátrante pero mañá non saberán quen es.
Compatibilidades: O Corzo mellorará os teus días. O Petapau, en cambio, non entenderá a túa natureza, cousa que só vos traerá conflitos.
Lobo - Do 28 de outubro ao 24 de novembro
Este mes sentirás unha necesidade inexplicable de liderar iniciativas así como todo o mundo parecerá empeñado en ignorarte. Se tentas impoñer a túa vontade, o mellor que conseguirás será que alguén che tire unha zapatilla á cabeza. Mellor practica a arte da discreción que tan pouco a miúdo dominas.
Compatibilidades: Se acaso o Cabalo será o único capaz de seguir o teu ritmo. A Píntega, en cambio, ten toda a razón en fuxir de ti.
Miñato - Do 25 de novembro ao 23 de decembro
A túa non sempre habitual claridade mental converterase nunha arma de dobre fío este mes: verás cousas que preferirías non saber. A realidade tende a ser decepcionante, si, pero iso non significa que teñas o deber de llo comentar a todo o mundo. Ninguén che pediu a túa opinión.
Compatibilidades: O Lobo será un bo confidente. A Garza, porén, atopará en ti un xuíz demasiado cruel.
©Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados.
Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones
Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.