Julien Courcier Cortegoso
Naceu en Lyme Regis, unha vila costeira situada no condado de Dorset, ao sur de Inglaterra, no corazón do que a día de hoxe se coñece como a Costa Xurásica. Esta área converteuse no lugar idóneo para que a pequena Mary desenvolvese a súa paixón polos fósiles. Foi alí mesmo, de feito, onde fixo moitos dos seus descubrimentos máis importantes.
Mary Anning foi autodidacta. Dende pequena ela e a súa familia vivían da recolección e venda de fósiles que atopaban nas costas. Mary, a diferencia de moitos dos seus contemporáneos, tivera unha paixón particular por estudar os fósiles que desenterraba. Con tan só doce anos fixo o seu primeiro descubrimento: un esquelete de Ichthyosaurus ーun réptil mariño que viviu hai aproximadamente 200 millóns de anos e cuxa apariencia recorda á dun golfiñoー. Este descubrimento foi crucial porque supuxo a descuberta dun fósil completo ーCompleto!ー cousa que era moi rara naquela época e que permitiu que a comunidade científica do momento comezase a cuestionar as ideas previas que tiñan sobre a historia da Terra.
Retrato de Mary Anning co seu can, Museo de Historia Natural de Londres
Nos anos seguintes Anning faría outros descubrimentos extraordinarios que cambiarían a historia da paleontoloxía como o Dimorphodon ーun novo tipo de pterodáctilo que descubriu na zonaー e múltiples fósiles de amonitas e outros moluscos que desempeñaron un papel fundamental no desenvolvemento da estratigrafía.
O traballo de Anning non consistiu soamente en atopar fósiles, senón tamén en comprender a súa importancia e en aplicar este coñecemento á teoría da extinción das especies. Durante a súa vida, a maior parte dos científicos aceptaban a teoría de que as especies eran inmutables, pero os descubrimentos de Anning contradiciron esta visión xa que demostrou que había seres vivos que se extinguiran había moito tempo. Esta idea influíu nas teorías de figuras posteriores como Charles Lyell e Richard Owen, figuras fundamentais para a evolución do pensamento científico sobre a historia da vida na Terra.
Anning tamén foi pioneira en demostrar a importancia dos fósiles na súas distintas capas xeolóxicas, cousa que levou á súa brillante contribución no desenvolvemento da estratigrafía. Ela non atopaba unicamente fósiles, senón que tamén se fixo unha experta na identificación das diferentes épocas nas que cada fósil se depositara.
A pesar de que os descubrimentos de Mary Anning foron de tal relevancia no campo da paleontoloxía, a súa contribución foi ignorada ou minimizada durante moito tempo. A sociedade científica da época, dominada por homes, non recoñeceu adecuadamente o seu papel. Anning non recibiu formación académica formal, e como muller na Inglaterra do século XIX, non tiña as mesmas oportunidades que os homes para participar plenamente no mundo científico. Moitos dos seus descubrimentos foron atribuídos a homes que a utilizaban como fonte de información, pero que nunca lle deron a visibilidade que merecía.
Porén, aínda que foi descoñecida para moitos, a súa habilidade e coñecemento foron recoñecidos por algúns membros da sociedade. Por exemplo, en 1824, Lady Harriet Sivester, viúva do antigo Rexistrador de Londres, escribiu no seu diario despois de visitar a Mary Anning:
"...o extraordinario desta moza é que se fixo tan profundamente coñecedora da ciencia que, no momento en que atopa calquera óso, sabe a que tribo pertence. Ela coloca os ósos nunha estrutura con cemento e logo fai debuxos e manda que sexan gravados... Certamente é un marabilloso exemplo do favor divino ーque esta pobre, ignorante mozaー estea tan bendicida, pois lendo e aplicándose conseguiu chegar a tal nivel de coñecemento que é habitual que escriba e fale con profesionais e outros homes sabios sobre o tema, e todos recoñecen que ela entende máis sobre a ciencia que ninguén neste reino."
Este testemuño de Lady Sivester reflicte a admiración que moitos sentían polas capacidades de Anning, aínda que, en moitos casos, o recoñecemento público para ela era fose limitado ou ningún en absoluto. A pesar das dificultades sociais e de xénero, Anning foi unha figura clave na historia da ciencia, e os seus descubrimentos seguiron influíndo nas teorías sobre a evolución e a extinción de especies.
Mary Anning foi crucial para que a ciencia alcanzase novos horizontes. Grazas aos seus descubrimentos, hoxe entendemos mellor cuestións como a evolución das especies ou a extinción. Demostrou que a historia da Terra non é unha narrativa estática, senón que está marcada por grandes cambios biolóxicos, entre os que se inclúen a extinción de moitas especies que habitaban, antano, o noso planeta. Anning foi, sen dúbida, unha das figuras que abriu a porta para que os científicos posteriores, como o propio Darwin, puidesen desenvolver as súas tan recoñecidas teorías evolutivas.
A importancia de Anning tamén radica na súa capacidade para desafiar as ideas científicas predominantes na súa época e na súa insistencia en basearse na observación empírica e na evidencia para tirar conclusións, algo que segue sendo o piar principal da ciencia moderna.
Finalmente, o seu legado como muller na ciencia tamén debe ser destacado. Mary Anning foi un exemplo de perseverancia e loita contra as limitacións sociais e de xénero do seu tempo. Non só deixou unha marca indeleble na paleontoloxía, senón que tamén foi un símbolo de como as mulleres, a pesar das dificultades, teñen un papel fundamental na historia da ciencia.
©Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados.
Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones
Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.