Raquel Alonso Rodríguez
Petapau é o nome popular dunha gran familia de aves chamada Picidae. Esta familia conta con 218 especies distribuídas ao longo do mundo, sendo as únicas zonas onde non contan con ningunha especie Australia, Madagascar e as rexións polares a altas latitudes. Hainos sedentarios e hainos que fan migracións. Aínda que son moi cosmopolitas, precisan de hábitats con árbores para poder petar na madeira da que sacan os invertebrados que forman parte da súa alimentación. Para isto contan cun forte e longo peteiro e unha lingua fina e aguzada.
Outra característica especial dalgunhas especies desta familia son as súas patas, coñecidas como zigodáctilas. Caracterízanse por ter catro dedos, dous para adiante e dous para atrás, o que lles axuda a gabear pólas árbores. Estas patas son unha característica habitual noutras familias de aves rubideiras ou que camiñan sobre as pólas.
Pero non só para comer, petan os petapaus, tamén o fan para escavar un niño, para atraer á parella ou para marcar o seu territorio. Fano a unha velocidade e cunha forza tan grande que os científicos levan anos investigando o seu cranio para pescudar por que non sofren lesións cerebrais como nos pasaría a nós de sufrir esa forza de impacto. Chegouse a suxerir investigar e imitar a estrutura do seu cranio para previr e tratar lesións cerebrais en humanos ou na fabricación de cascos. A chave desta gran resistencia parece estar nunha combinación de características anatómicas ademais de variar entre especies. Por unha banda teñen ósos esponxosos no cranio cheos de aire que amortecen os impactos. Algúns teñen unha morfoloxía no pico que axuda a absorber o impacto. Outros estudos explican que ao teren un cerebro moito máis pequeno que o noso precisan un impacto moito maior para facerse dano.
As especies máis comúns atopadas en Galicia son o peto verdeal ibérico e o picapau grande.
Peto verdeal ibérico - Picus sharpei
O noso petapau máis común. Cunha característica cor verde que o fai inconfundible, ten ademais a parte de enriba da cabeza de cor vermella a modo de chapeu e un bigote a xogo. Nas femias este bigote é negro. Esta especie é endémica da Península Ibérica e anteriormente considerouse unha subespecie do peto euroasiático.
É sedentario en Galicia onde se pode ver en todo o territorio. Non é moi esixente co seu hábitat, pode atoparse en terreo forestal, campos ou incluso en parques e xardíns. Pero sempre vai preferir bosques caducifolios. Prefire atopar as súas presas en madeira podre, xa que non ten un peteiro tan forte como outros da súa familia. Pero si ten unha lingua moi longa coa que atrapa formigas e demais bechos.
Peto verde ibérico (Luis García, 2013)
Picapau grande - Dendrocopos major
O outro petapau máis estendido. Ten as cores habituais nos petapaus, branco e negro cun patrón moi vistoso cunhas manchas vermella no cu e os machos tamén na cabeza. Posúe un peteiro moi poderoso o que lle permite petar nas madeiras máis resistentes, isto ademais o fai moi flexible á hora de elixir un hábitat, aínda que sempre con árbores. Ademais o picapau é a especie que máis rápido peta.
É o pícido, dos presentes en Europa, que máis estendido está, ocupando todo o Paleártico. En Galicia é sedentario, esténdese por todo o territorio aínda que é máis común no interior. Ademais de alimentarse de bechos, como o resto da súa familia, tamén come froitos como landras ou piñóns en inverno ou abre buratos nas árbores para chuchar a saiba. Incluso ás veces pode depredar nos polos ou nos ovos doutras aves.
Despois de deixar o niño ao final da época de cría, nunca o reutilizan. Isto deixa un buraco moi xeitoso que é aproveitado por outros paxariños, morcegos ou esquíos.
Picapau grande (Gerry Zambonini, 2018)
Outras especies atopadas en Galicia:
Peto negro - Dryocopus martius
Aínda que a súa distribución podería chegar ao leste de Lugo, o certo é que practicamente non temos observacións deste fermoso petapau, o máis grande de Europa, no noso territorio. Isto podería ser indicador do mal estado dos nosos bosques xa que a este paxaro lle gustan os bosques maduros.
Peto negro (H. Yamaguchi, 2021)
Picapau mediano - Dendrocopos medius
Atopámonos outra vez cunha especie que pode verse nos Ancares lucenses, aínda que faltan observacións. A este tamén lle gustan os bosque vellos, con madeira morta, algo pouco habitual no noso país. En xeral na Península Ibérica esta recluído en poboacións illadas o que xunto á rareza dos seus hábitats predilectos o fan unha especie moi vulnerable.
Picapau mediano (Francesco Veronesi, 2010)
Virapescozo europeo - Jynx torquilla
Rara en Galicia igual que rara é a especie dentro dos petapaus. Paxaro pequeno, coa plumaxe moi diferente ao resto dos da súa familia, ademais compórtase coma un paxariño cando está nas ramas e no chan en vez de coma un petapau. Incapaz de perforar a madeira, acaso é isto un petapau? Pero si que ten unha longa lingua coa que asalta formigueiros e gústalle trepar polos troncos, así que o aceptaremos na familia petapau aínda que non pete. Desafortunadamente a especie experimenta un declive nas súas poboacións, e está recollido como vulnerable no Libro Vermello das Aves de España.
Como se pode observar aínda que poden vivir en diferentes tipos de hábitats, prefiren bosques maduros de árbores autóctonas. Por iso, como para outras moitas especies de animais e plantas é moi importante conservar este tipo de entornos cada vez máis escasos, que están a ser substituídos por plantacións forestais e outras formas de explotación do solo. Existen moitas razóns para querer conservar estes paxaros, axudan a controlar as poboacións de insectos e contribúen a manter o equilibrio nos ecosistemas. Ademais non hai nada como saír dar un paseo e escoitar o seu peteirar perdido entre as árbores.
Virapescozo europeo (Arnstein Rønning, 2010)
©Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados.
Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones
Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.